Achégase a noite máis longa do ano, o 23 de xuño, a véspera de San Xoán. E como manda a tradición esta festividade celébrase saltando as tan típicas cacharelas e comendo a sardiñada que soe acompañar. Por iso o Concello de Ames publica, como vén facendo nos últimos anos, unha serie de normas que deberán cumprir todas as persoas ou agrupacións que fagan unha fogueira. Antes deberán solicitar autorización ao Concello para poder facer a súa cacharela. O prazo está aberto ata o vindeiro martes 21 de xuño. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello.
Se está pensando facer a túa propia cacharela as indicacións e normas do Concello son as seguintes. Primeiramente, todas as persoas, organizacións ou comunidades que desexen realizar unha fogueira na noite de San Xoán deberán presentar a solicitude correspondente no rexistro do Concello de Ames antes das 13:00 horas do vindeiro martes 21 de xuño. Nesta solicitude deberan sinalar o lugar elixido, así como o nome, enderezo e teléfono dos responsables da organización ou comunidade, encargados de coidar os arredores da cacharela. O obxectivo é que a xente poida pasalo ben ao redor do lume e evitar calquera tipo de incidente.
Unha vez obtido o permiso, os responsables da fogueira están na obriga de seguir as normas que publica o Concello. Unha delas refírese á cantidade de combustible que se poderá utilizar. A dimensión da fogueira está limitada e o volume de combustible non pode pasar dos oito metros de perímetro nin dos tres de altura. A madeira en forma de moble vello, caixa, ou ramas é un material combustible que fai bo lume. Por outra banda, o Concello prohibe queimar pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceite e, en xeral, calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se poderán botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión, aínda que estean baleiros.
Por motivos de seguridade as fogueiras non se poderán realizar en calquera lugar. A separación entre as cacharelas e os edificios e árbores será, como mínimo, de vinte metros. Ademais, deberanse afastar dos cables das liñas eléctricas, do teléfono, da rede de iluminación pública ou de locais nos que se almacenen produtos inflamables. No caso de poñer a cacharela sobre terreos de uso público enlousado, os organizadores deberán protexer o chan cunha capa de area de 10 centímetros. Os coidados non rematan cando se apaga a pira. O lugar debe quedar como estaba antes de que comezara a festa ao redor do lume. Na noite de San Xoán a Policía local e outros corpos de seguridade vixiarán o cumprimento das normas.
Ademais destas indicacións de obrigado cumprimento, as persoas que fagan unha fogueira ou que se reúnan ao redor do lume deberán ter especial coidado de si mesmos e ao rematar a cacharela e antes de abandonar o lugar desta, os responsables da organización deberán coidar de que todo quede no mesmo estado que se atopaba antes de iniciarse o lume. Saltar a cacharela pode ser divertido pero tamén perigoso polo que hai que evitar actitudes destemidas. Recoméndase tamén non permanecer moito tempo preto do lume, xa que pode provocar queimaduras que non se farán visibles no mesmo momento, pero si horas ou días despois. Ter unha mangueira á man pode ser de moita axuda no caso de que o lume se descontrole por causa do vento ou doutros motivos.
O Concello de Ames, na procura dun desenvolvemento seguro desta festividade para todos os veciños e veciñas amienses, publica outro ano máis estas normas. Gracias a iso e a colaboración da xente, Ames pode gozar dunha festa de San Xoán sen perigo. Na noite do 23 de xuño algúns aproveitarán para queimar os trebellos vellos que xa non utilizan e que fan bo lume, outros agardan purificar a súa alma ou simplemente saltar as cacharelas nesa noite meiga. Sexa como sexa, procuremos todos facer as cacharelas coas precaucións necesarias que dende o Concello nos achegan, porque co lume non se xoga.
Poden consultar o bando sobre as normas para as cacharelas da noite de San Xoán premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas. Ademais poderás descargar a instancia de solicitude e a dilixencia de conformidade. Unha vez cubertos estes impresos deberás entregalos no rexistro xeral do Concello.
Eu xa teño o permiso, a cacharela preparada, o churrasco encargado, as sardiñas e a broa igual, falta ir pola bebida e o carbón. ¿Olvídaseme algo rapaces? Un saúdo e enhoraboa por esta pedazo web!!!