O Concello de Ames está ultimando os preparativos para a celebración da VII Festa da Mocidade que terá lugar os días 24, 25 e 26 de setembro. Centos de mozos e mozas invadirán durante o último fin de semana de setembro as rúas e prazas do Milladoiro para gozar das múltiples actividades que ofrecerá a tradicional xuntanza. Os mozos e mozas poderán seguir a "ruta da diversión", que comeza na praza de Manuel Murguía, continúa pola rúa de Anxeriz, Agro do Medio, Praza do Porto e remata na Travesía do Porto, onde estará instalada a zona de actividades deportivas. O ultimo fin de semana de setembro os mozos e mozas da comarca non terán tempo para aburrirse. E que xa case está todo listo para celebrar, por sétimo ano consecutivo, a Festa da Mocidade, unha celebración onde os máis novos e as máis novas son os indiscutibles protagonistas. A festa terá lugar en diferentes espazos do Milladoiro, praza de Manuel Murguía, rúa de Anxeriz, Agro do Medio, praza do Porto e Travesía do Porto, nos que haberá actividades para todos os gustos.
As actuacións comezarán o venres 24 de setembro, ás 20:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro, coa actuación do obradoiro municipal de teatro que interpretará "Os Pletoriáns na lúa Alú". Esta peza teatral amosa o traballo realizado no Obradoiro de Teatro municipal de Bertamiráns durante todo o curso. Trala actuación dos 13 rapaces e rapazas que participan no obradoiro de teatro, tócalle a quenda aos mozos e mozas do IES de Ames que interpretarán o musical "Folia en Semasei". O espectáculo inclúe actividades de interpretación, danza, canto, instrumentación musical, acrobacia e aspectos técnicos como escenografía, iluminación e son, vestiario e maquillaxe. Neste musical participan un número aproximado de 70 alumnos e alumnas en directo chegando ata os 100 se contamos co apartado técnico.
A Festa da Mocidade trata de ser unha xuntanza de todos os mozos e mozas de Ames para que amosen as súas habilidades e destrezas niso que mellor saben facer. Deste xeito haberá malabares, actuacións cómicas, música, canto, competicións deportivas e baile. O sábado 25 de setembro será o día central desta festa na que durante todo o día está previsto que as rúas e prazas do Milladoiro se enchan de mocidade de toda a comarca. Pola mañá comezará a animación coa instalación de inchables nas prazas de Manuel Murguía e do Porto. Ademais durante todo o día na Travesía do Porto estará instalada a zona deportiva na que haberá bicicletas strikers, inchables multideportes e de porterías de fútbol.
Para a tarde do sábado queda o prato forte desta xuntanza. A partir das 16:30 horas na praza e Manuel Murguía haberá diferentes actuacións e obradoiros. Todo iso estará acompañado de contacontos e animación na rúa. As actuacións do mozos/as comezarán a partir das 19:00 horas con representacións de malabares, actuacións cómicas, música, baile e canto. Os grupos municipais tamén terán o seu protagonismo. A escola municipal de música, o obradoiro municipal de canto, e a Asociación Cultural Escola de Danza e Gaitas Os Castros de Ames ofrecerán varias actuación musicais. O bloque musical pecharase coa participación do grupo de rock Cuarto Mangante. Trátase dun grupo de Bugallido de recente creación. Ao mesmo tempo tamén haberá unha exhibición de Cultura Urbana a cargo da Asociación Cultural Deportiva Vella Escola e da Escola municipal de break dance.
Todas as actividades programadas estarán repartidas polas diferentes rúas e prazas do Milladoiro. Deste xeito, na praza do Porto haberá diferentes xogos e contacontos, na Travesía do Porto instalarase a zona deportiva con rocódromo, tirolina e rappel, paintball, competicións deportivas (atletismo, fútbol, basket, tenis de mesa) e inchables de piscina. Pero a diversión non acaba aquí porque nas rúas Anxeriz e Agro do Medio celebraranse dous obradoiros de globofexia e de chapas. O sábado a festa rematará na Casa da Cultura do Milladoiro coa actuación musical da Asociación Ars Ames.
VI Día da bici
A Festa da Mocidade pecharase o domingo nos arredores do Milladoiro coa celebración da sexta edición do día da bici. Esta é unha ocasión excepcional para gozar do ciclismo e pasar unha xornada entretida coa familia, os amigos e os veciños. Os participantes tomarán a saída a partir das 11:00 horas da área deportiva do Milladoiro, para realizar unha ruta polo contorno desta vila.
En definitiva, unha fin de semana que estará cargada de diversión e que deleitará os mozos e mozas que participen. En anos anteriores, esta festa foi un éxito rotundo de participación grazas ás variadas actividades, as cales están pensadas para os gustos da xente nova.
Fuente: ConcellodeAmes.ORG