Talía Teatro está a preparar a obra Volpone, famosa comedia de Ben Jonson, adaptada e dirixida por Roberto Salgueiro. A representación está preparada para saír ao público o 22 de outubro. No escenario tamén comezan a ensaiar os compoñentes do Teatro Nú dos que aínda se descoñece a peza a interpretar. O escenario será o Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro que, grazas as súas recentes reformas, fará sentir a beleza do teatro con máis forza ca nunca a todos/as espectadores amienses. O novo telón azul de terciopelo do auditorio da Casa de Cultura do Milladoiro está a ser testemuña de ensaios, esforzo e un traballo constante. Polas mañás, Talía Teatro é o primeiro en encher o seu escenario coas interpretacións da comedia Volpone.
Maurice Tourneur levouna ao cine en 1940, na ópera apareceu en 1953 gazas a George Antheil e tamén tivo o seu momento de gloria en Broadway, en 1964, adaptada por Ian McLellan Hunter e Ring Lardner. Volpone é unha das obras de Ben Jonson máis representadas en todo o mundo e unha das principais da época xacobina. Na trama destacan as gargalladas que arranca esta sátira sobre a luxuria e a avaricia. Nobres, e non tan nobres, señores teñen como principal interese reunir fortunas sen importar o ridículo que teñan que facer nin o custe que os demais teñan que pagar. O señor Volpone, un nobre dono de abundantes riquezas, finxe estar no seu leito de morte para enganar aos que desexan herdar a súa fortuna ao ofrecerlles, mediante o seu criado, ser os seus únicos herdeiros. A comedia está feita para rirnos de nós mesmos e ver a onde pode levarnos a avaricia e o egoísmo.
Talía Teatro está ensaiando esta obra, versionada e dirixida por Roberto Salgueiro. A representación contará cun elenco de once actores e actrices nunha proposta escenográfica e de vestiario moi fiel á orixinal. O 22 de outubro todos e todas as amienses terán a oportunidade de gozar desta adaptación de Talía Teatro. Mentres, polas tardes, Teatro Nú mantennos en vilo sobre cal vai ser a obra que representarán durante os próximos meses e o día no que a veciñanza amiense poderá deleitarse con esta actuación.
O auditorio da Casa da Cultura ven de mellorar a súa complexidade técnica coa dotación, no recinto escénico, de cámara negra, telón de boca e bambalinón. No que se refire ao equipamento escénico de iluminación tamén se realizaron importantes melloras coa adquisición dunha mesa de luces, dimmer, cableados e focos e un soporte en teito para proxector de vídeo. Estas comodidades permitirán que grandes compañías de teatro paren no Concello de Ames a facer as súas representacións. Talía Teatro será a que primeiro actúe para beneficiarse das melloras e facer gozar ao público amiense.
Fuente: Concellodeames.org