O Millarock, as festas da Madalena e as de Covas augaran unha animada fin de semana en Ames
[30/07/2010] Todo está a punto para a unha das citas musicais máis importantes da tempada en Ames: O Millarock, patrocinado polo Concello, que este ano acada a súa V edición. O festival serve como preludio ás Festas da Madalena e inclúe no seu cartel aos gañadores do certame, o grupo redondelán Bëlop, e aos grupos Riff - Raff e La banda del Camión. O concerto, de acceso gratuíto, celebrarase no aparcadoiro do pavillón polideportivo do Milladoiro a partir das 22 horas. As festas da Madalena continuarán até o luns, con actuacións polas tardes no Campo da Festa e noites de vérbena. Os máis pequenos poderán gozar dun 2x1 nas atraccións. Por outra banda a parroquía de Covas tamén celebra festas esta fin de semana na honra de Santo Estebo, San Antonio e a Virxe do Carme.
Este venres 30 de xullo celebrarase unha nova edición do Millarock. O festival contará este ano coa actuación do grupo redondelán Belöp, que foi o gañador do certame Millarock 2010. Bëlop, nado no 2007, e composto por Fabio Cebral (voz, guitarra e sintetizador), David González (baixo) e Diego Rincón (batería) ven como forte da súa carreira está acontecendo neste 2010. Emprenden co seu novo single "Come up with your own moves", gravado por Gonso Predido, e realizaron concertos en Barcelona, Madrid, Santander ou Xixón. O grupo de Redondela compartiu cartel con coñecidos grupos estatais como Stereotipos ou Second, incluso con artistas internacionais como Industri Royal. Con só tres anos ás súas costas, Bëlop conta con varios premios na súa traxectoria. No 2009 recibiron o premio á Mellor maqueta no Maketon Estrella Galicia dos 40 Principales, e, neste ano, conseguiron o premio á mellor maqueta no concurso Queixo Maquetón 2010 en Arzúa, o primeiro premio do Certame Música Xove 2010 de Santiago de Compostela na categoría de pop, ademais deste último éxito en Ames.
O grupo Bëlop conságrase nos seus concertos. A banda é coñecida por deixar participar aos fans e polos seus efectos luminosos, pirotecnia e outros efectos especiais. Fabio, o vocalista, asegurou na súa entrevista en Ames Radio que a intención do grupo é "facer un rock que sexa, sobre todas as cousas, bailable". O uso de sintetizadores musicais e octapad fan dos seus concertos en directo un espectáculo fresco e interactivo que lles está dando moi bos resultados. O festival de Millarock, a oportunidade de promoción dos grupos emerxentes, contará tamén coa actuación de Riff- Raff e La banda del camión. A banda Riff - Raff versiona temas de AC/DC e, ao longo destes 14 anos, tocaron con grandes bandas como Whitesnake, Los Suaves, Heredeiros, Saratoga, Barricada ou Red House. La banda del camión é un grupo ao máis puro estilo de Rock & Roll e cunha posta en escena cunha marcada clase de humor. A banda naceu no 2000 e consagrouse coa súa canción bandeira "Rock del Deportivo".
Festas da Madalena
O Millarock dará paso, na fin de semana, ás festas da Madalena. Diversión e música a rodar durante tres días nos que pequenos e maiores gozarán por igual. As dianas e alboradas anunciarán, na mañá do sábado, o inicio das celebracións. Xa pola tarde, cativos e cativas poderán gozar coa actuación dos paiasos Llyla e Fifo, ás 20:30 horas no Campo da Festa. Xa pola noite, a partir das 22:00 horas, o grupo Alma Latina e a Orquestra Philadelphia entrarán en escea coa celebración da primeira verbena.
O disparo de 21 bombas de palenque anunciará o día grande das festas o domingo pola mañá, xusto antes da celebración, ás 10:00 horas, da misa solemne na capela. Hora e media máis tarde dará comezo a saída da procesión, para celebrar unha nova misa ás 13:00 horas. A Banda Xuvenil da Escola de Música de Rianxo ofrecerá, acto seguido, un pequeno concerto, patrocinado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Ames. A mañá rematára coa sesión vermú, amenizada pola orquestra Manila de Espectáculos Lito que volverá a actuar pola noite. Xa pola tarde, os pequenos da casa poderán gozar co Show dos Paiasos, ás 20:30 horas no Campo da Festa, mentres que a noite será amenizada con outra verbena, desta volta coa actuación do Grupo Ciclón.
E como sempre hai alguén ao que non lle chega a fin de semana, e aproveitando que moitos amienses comenzarán a gozar das súas vacacións, a festa prolongarase durante a xornada do luns no Milladoiro. O Tren Chu-Chu fará un percorrido, ás 16:00 horas, polos lugares de Vilar de Cabo, Bentín, Paramuíño, A Grela, Porto e Milladoiro e ao final sortearán gafas de sol dun establecemento comercial do Milladoiro. Os rapaces e rapazas que se acheguen á festa pola tarde estarán de sorte xa que, a partir das 18:00 horas, haberá un 2x1 nas atraccións. Xa ás 20:00 horas, haberá un percorrido da Banda de Música Cultural de Teo, froito do convenio da Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña. Ás 21:00 horas terá lugar a santa misa, antes da procesión e recollida da Santa ao seu lugar de orixe. O broche de ouro das festas da Madalena correrá a cargo das orquestras Gran Parada e Versalles, coa celebración da última verbena a partir das 22:00 horas.
Festas en Covas
Non só no Milladoiro hai festas esta fin de semana. A parroquia de Covas prolongará ata o domingo as súas celebracións, que arrancan hoxe venres en honra a Santo Estevo. Haberá alboradas e pasarrúas durante a tarde, antes da celebración, ás 20:00 horas, da misa e a procesión.
Na xornada do sábado, en honra a San Antonio, haberá pasarrúas e misa solemne ás 12:30 horas. A continuación, a Bada de Música de Negreira amenizará a sesión vermú. Xa pola tarde, os máis pequenos poderán gozar da festa con xogos e hinchables a partir das 19:30 horas.
O domingo, en honra á Virxe do Carme, celebrarase unha misa solemne e a procesión a partir das 12:30 horas. A sesión vermú, a continuación, correrá a cargo do grupo Os Players, que repetirá na verbena de noite. O grupo Bullblack Show, formado por rapaces da propia parroquia, será o encargado de abrir as actuacións nocturnas, coas que rematarán as festas.