Todos e todas as amantes do deporte e os obradoiros culturais xa poden comezar a anotarse nos diversos cursos que ofrece o concello. Aeróbic, ximnasia de mantemento, baloncesto, fútbol sala, natación, actividade física para discapacitados, pilates, obradoiros de música, baile ou canto son algunhas das actividades que se desenvolverán ao longo do curso 2010 - 2011. O prazo para renovar a praza, para as persoas xa inscritas no pasado curso, ábrese hoxe e prolongarase ata 10 de setembro. O segundo prazo de matrícula, para prazas libres e grupos de nova creación, irá dende o 20 ata o 24 de setembro. As vacacións chegan ao seu fin para comezar un novo curso onde as escolas deportivas e obradoiros culturais ofrecerán a todos/as amienses programas cheos de diversión e entretemento. O deporte e os obradoiros culturais son unha boa forma de desenvolver unha vida saudable e adquirir valores tan importantes como a deportividade, o respecto e a tolerancia. Por este motivo, o Concello de Ames aposta ano tras ano polo desenvolvemento destas actividades que sempre acadan uns resultados positivos. Para facerse unha idea, no curso pasado preto de 1.400 persoas, das que 700 foron nenos e nenas, se beneficiaron destas actividades físicas que se imparten tanto en Bertamiráns como no Milladoiro.
As actividades deportivas ofertadas polo Concello de Ames caracterízanse pola súa diversidade e por estar pensadas para todos os grupos de idade. Así, neste curso 2010- 2011, os e as amienses poderán gozar de seis obradoiros como son o de canto, de baile e música tradicional, bailes de salón, manualidades, teatro ou xadrez. A esta oferta hai que engadirlle as actividades propias das escolas deportivas como son aeróbic, ximnasia de mantemento, baloncesto, fútbol sala, natación, voleibol, predeporte e actividade física para discapacitados, pilates, tenis de mesa, spinning, patinaxe e tenis. En total son case 20 actividades das que todos e todas as amienses, de todas as idades, se poderán beneficiar. Ademais, para incrementar a participación, o Concello de Ames ofrece descontos nos prezos das actividades polo segundo e o terceiro membro menor de 18 anos que se matricule.
Todas aquelas persoas que xa estiveron inscritas no curso 2009-2010 poden comezar a renovar a súa praza, desde hoxe ata o 10 de setembro, nas escolas deportivas e os obradoiros culturais que oferta o Concello de Ames. Para formalizar a matrícula deberase acudir á Casa da Cultura do Milladoiro ou ao Pazo da Peregrina en Bertamiráns en horario de 9:00 h. a 14:00 horas. Hoxe, luns día 6, e mañá 7 de setembro, tamén se atenderá as inscricións en horario de tarde, de 16:00 h. a 18:00 horas, para maior comodidade da veciñanza amiense. Ademais poderase confirmar a súa praza vía telemática premendo nun banner que está situado na páxina principal desta mesma web.
Á hora de inscribirse é necesario achegar os datos persoais do inscrito/a, e no caso dos menores de idade tamén do titor ou titora. Tamén é preciso ofrecer o número de conta bancaria xunto o nome e sinatura do titular da conta máis o nome da entidade bancaria. O pagamento estará fraccionado en dúas cotas mediante domiciliación bancaria. En todo caso, a formalización da matrícula suporá o cobro automático do primeiro prazo, sempre e cando se posúa praza e non se rexeite antes do 8 de outubro.
Cómpre recordar que non se considerarán inscritos no curso anterior aqueles alumnos e alumnas que tramitaran a baixa da actividade e que o Concello non garante que o grupo e o horario da actividade escollida para este curso coincida co do ano anterior. De todos xeitos, reservaranse as prazas nas actividades do curso anterior incorporándose, se é posible, ao mesmo grupo ao que pertencían ou ao novo grupo que lle corresponda por ano de nacemento. De ter máis demanda que oferta, as prazas adxudicaranse por sorteo público, e nunca por orde de chegada, o martes 28 de setembro ás 12:00 horas da mañá no salón de Plenos do Concello de Ames. Para as prazas libres e grupos de nova creación, o segundo prazo irá desde o 20 ata o 24 de setembro. As listaxes definitivas publicaranse o xoves 30 na web do concello e nos taboleiros da Casa da Cultura do Milladoiro e do Pazo da Peregrina de Bertamiráns.
Como nos anos anteriores, para matricularse nas escolas deportivas e obradoiros culturais é imprescindible estar empadroado/a no Concello de Ames. Ademais, cada alumno/a só poderá inscribirse en dúas escolas deportivas e dous obradoiros culturais como máximo, sempre que non coincidan horarios. As clases, segundo o previsto, arrancarán a semana do luns 4 de outubro e finalizarán o 31 de maio de 2011, aínda que o concello resérvase a posibilidade de modificar os horarios de ser necesario por problemas de programación internas.
Fuente: Concellodeames.org