A corporación municipal aprobou por maioría absoluta, cos votos a favor dos grupos socialista e nacionalista, a cesión dunha parcela que se encontra no Milladoiro, a favor da Xunta de Galicia para construír un edificio destinado á terceira idade. A adxudicación dunha operación de endebedamento para o financiamento de diversos investimentos previstos no orzamento de gastos para o ano 2010, por un importe de de 2.205.786, 32 euros ao Banco Bilbao Vizcaya Argentaria SA, tamén saíu adiante cos votos a favor do grupo socialista e nacionalista. O grupo popular de Ames abstívose na votación destes dous puntos. Outro dos temas importantes que recollía a orde do día era a aprobación da Conta Xeral de 2008 que foi aprobada por maioría simple. Estaba previsto que na sesión plenaria do mes de agosto se adoptasen acordos de moita importancia para a cidadanía amiense e as expectativas non fallaron. A corporación municipal doulle luz verde a cesión dunha parcela, que se encontra na localidade do Milladoiro, a favor da Xunta de Galicia para construír un edificio destinado á terceira idade. Este punto saíu adiante cos votos a favor dos grupos socialista e nacionalista. A parcela que se vai ceder á Administración autonómica ten unha superficie de 3.452 m2 e está situada no sector urbanístico do S-15 (Travesía do Porto Sur).
O rexedor municipal, Carlos Fernández, destacou que "o Concello de Ames ten a necesidade de dotarse dun centro específico para a terceira idade. A pesar de que sempre se destacan, como datos peculiares da poboación de Ames, o número de nenos/as e de mozos, a media de idade que ronda os 36 anos, etc, non podemos esquecer que na franxa de idade de maiores de 60 anos, temos actualmente 4.064 persoas censadas, segundo os datos facilitados polo Padrón Municipal".
Fernández engadiu que "ante esta situación debemos adoptar unha postura activa, polo que dende esta Alcaldía se teñen realizado múltiples consultas, contactos e conversas con distintos responsables desta área da Administración autonómica, expoñendo esta necesidade obxectiva e explicando que nós poderiamos ofrecer a parcela adecuada para elo, pedindo así un compromiso firme en tal sentido".
En relación a este punto o grupo municipal popular propuxo deixar encima da mesa este punto xa que segundo explicou o voceiro popular, Santiago Amor; "o pasado 16 de febreiro na comisión informativa permanente de urbanismo ditaminouse o inicio do expediente e cesión gratuíta dunha parcela do Milladoiro en favor da Xunta de Galicia destinada a un edificio para a terceira idade e outra en Bertamiráns para unha escola infantil. Posteriormente o 25 de febreiro someteuse a consideración do Pleno o inicio de expediente para poñer en disposición da Xunta a parcela do Milladoiro destinada a un edifico para a terceira idade, así como a posta en disposición doutra parcela para unha escola infantil en Bertamiráns. Evidentemente cambiouse o asunto ditaminado no Pleno. Debido a esta situación o grupo municipal popular acudiu aos tribunais do contencioso administrativo de Santiago ao entender que foron vulnerados os dereitos fundamentais dos membros da oposición presentando a correspondente demanda. Entendemos que este tema debía quedar encima da mesa ata que saía a resolución xudicial".
Carlos Fernández explicou que ese procedemento xudicial pronunciarase sobre o acontecido no pleno do 25 de febreiro pero non sobre os acordos que se adopten no pleno de agosto. Ademais engadiu que "ante as dificultades apreciadas antes dese pleno que se celebrou o 25 de febreiro, para obter a maioría necesaria para iniciar o expediente de cesión gratuíta desta parcela á Xunta de Galicia, esta Alcaldía optou por modificar o rango da proposta cambiando a inicial "cesión gratuíta" por unha "posta a disposición" que, aínda que fose de menor rango, deixase adoptado o acordo de que o Concello de Ames estaba moi interesado en dotar ao noso municipio deste equipamento, aínda que posteriormente fose preciso adoptar un novo acordo de cesión gratuíta".
Unha vez se produciu o antedito acordo plenario de inicio de expediente para a posta a disposición desta parcela no Milladoiro, este foi comunicado á Xunta de Galicia para que, cando menos con ese carácter de posta a disposición, se tivera en conta ao Concello de Ames como firme candidato a obter este equipamento.
Tal ofrecemento municipal foi reiterado de forma oficial á Conselleira de Traballo e Benestar, así como ao Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, con motivo da súa visita a Ames o pasado 31 de maio, no transcurso do acto institucional de visita e inauguración da nova Escola Infantil Figueiras do Milladoiro. A esta solicitude comprometeuse a Conselleira a estudar o asunto, ao carecer Ames de infraestruturas para a terceira idade.
Posteriormente, recibiuse a visita dun arquitecto pertencente a unha asistencia técnica que traballa para esa Consellería, o cal se entrevistou tanto co alcalde como coa arquitecta municipal, co obxectivo de recabar toda a información referida ás parcelas previstas para a construción da nova escola infantil de Bertamiráns e para este centro de día en Milladoiro. Este arquitecto, despois de realizada a correspondente visita, manifestou verbalmente a idoneidade de ambas parcelas para a finalidade proposta e que así o fixo chegar á Consellería e ao Consorcio no seu informe.
O rexedor municipal rematou dicindo que "polo proceso xudicial que iniciou o grupo municipal popular non se vai paralizar o proceso de cesión dunha parcela á Xunta de Galicia xa que a Administración local elabora no mes de setembro os seus orzamentos para o próximo ano. Por iso non debemos deixar pasar a oportunidade de puxar por obter o compromiso firme da Xunta de Galicia, que se detalla do xeito máis firme si acadamos a inclusión deste obxectivo nos orzamentos para o exercicio 2011". A proposta feita polo grupo municipal popular foi rexeitada cos votos en contra do BNG e do PSOE. A continuación a cesión da antedita parcela saíu adiante cos votos a favor dos grupos socialista e nacionalista.
Operación de préstamo
Anteriormente, a corporación municipal aprobou por maioría absoluta cos votos a favor dos grupos socialista e nacionalista, a adxudicación da operación de endebedamento para o financiamento das actuacións de investimento previstas nos capítulos VI e VII do orzamento de gastos para o ano 2010, por un importe de de 2.205.786, 32 euros ao Banco Bilbao Vizcaya Argentaria SA, de acordo co tipo e as condicións recollidas nas bases e na oferta presentada pola empresa licitadora.
A concelleira de Economía e Facenda, Patricia Conde, explicou que as condicións ofertadas pola empresa adxudicataria da operación son do 50% do importe solicitado inicialmente, que era de 4.411.572,63 euros, co fin de sufragar os investimentos do ano 2010 cun tipo de xuro variable (EURIBOR a 12 meses) máis un tipo diferencial do 2,3% e con dous anos de carencia na amortización. O goberno municipal catalogou como un "éxito" esta operación xa que permitirá executar os proxectos de investimento previsto para este ano. O 50% restante da contía solicitada outorgarase tralo análise da liquidación do exercicio 2009.
Outro dos temas económicos que se debateu foi a aprobación da Conta Xeral de 2008. Este punto saíu adiante por maioría simple cos votos a favor do concelleiros do grupo de goberno e a abstención dos grupos popular e nacionalista. A liquidación desta conta amosa un saldo positivo que ascende a 830.346,90 euros. O informe de liquidación pon de manifesto que se presupostou correctamente e se executou o orzamento de acordo coas previsións, e dicir, amosa que o gasto orzamentario foi inferior ao ingreso.
Por outra banda o remanente de tesourería pon de manifesto que o estado de liquidez a curto prazo da entidade é negativo e ascende a 428.871,99 euros. O informe emitido polo departamento de Intervención sobre a conta xeral de 2008 está composto polo balance, a conta de resultado económico patrimonial, o estado de liquidación do orzamento e unha memoria. En comparación coa conta de 2007, na que o remanente positivo era de 1.597.562,52 euros, hai que dicir que a conta de 2008 arroxa uns resultados inferiores que son de 830.346,90 euros.
Outros temas que foron aprobados por unanimidade foron a fixación dos festivos locais para o ano 2011 e o convenio entre o Concello de Ames e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns para colaborar na celebración da "VI Expoliquidación Val da Maía". Ademais púxose en coñecemento do Pleno a renuncia do concelleiro don David Santomil que deixará o seu posto ao seu compañeiro José Ramón Arufe do grupo municipal nacionalista.
Antes de rematar tamén houbo tempo para aprobar por unanimidade a moción presentada polo grupo municipal popular para que sexa remitido ao Pleno, con periodicidade trimestral por parte do departamento de intervención, un informe do estado de execución do orzamento e dos movementos de tesourería por operacións orzamentarias independentes e auxiliares do orzamento e da súa situación. A sesión plenaria rematou chegada a media noite polo que non se puido atender a segunda moción que recollía a orde do día e o apartado de rogos e preguntas.
Fuente: Concellodeames.ORG