Numerosos cursos desenvolvidos con grande éxito deixan un ben merecido mes de descanso á Aula de Informática do Milladoiro. Ata o de agora, nos meses de verán, a aula permaneceu aberta en horario de 10:00 h. a 13:00 h. como Aula Aberta. Esta era a oportunidade dos e das amienses para acudir a practicar o aprendido nos diversos cursos e navegar pola rede. O novo programa de actividades sairá a mediados de setembro e a veciñanza amiense terá a oportunidade de inscribirse nos cursos a partir do 4 de outubro.
Despois dos meses de verán, chega a quenda de vacacións para a Aula de Informática do Milladoiro que pechará ao longo de todo o mes de setembro. Ata o de agora, a aula funcionaba como Aula Aberta nun horario de 10:00 h. a 13:00 horas. Esta iniciativa consiste en deixar a aula de informática libre para todo aquel que queira usar os computadores, tanto para buscar información como para deixarse levar polo lecer da rede.
Á Aula Aberta acoden adultos e maiores que acceden á Internet para ler a prensa, mirar o correo electrónico, entrar nas redes sociais ou buscar información puntual como pode ser para a preparación dunha viaxe. O sector que menos está a usar a estes servizos son os mozos e mozas de 13 a 18 anos. Para os que aínda non acudiron, teñen pouco máis dunha semana para gozar da Aula de Informática do Milladoiro, situada na Casa da Cultura desta localidade.
Aínda que en setembro a Aula de Informática do Milladoiro peche, a mediados dese mes lanzarase a programación do último trimestre deste ano. En outubro a aula de informática volverá abrir no seu horario habitual de 16:00 h. a 20:00 horas e darán comezo os diferentes cursos que, un ano máis, achegarán á veciñanza amienses o manexo das novas tecnoloxías co fin de mellorar a vida cotiá.
Cursos desenvolvidos na temporada 2009/2010
Os cursos que se levaron ao cabo durante a pasada temporada 2009/2010 foron moi diversos. O primeiro deles comezou en outubro do 2009 e, cunha duración de nove meses, estivo dirixido ás persoas que asisten á Escola Integral de Maiores co obxectivo principal de aprender a navegar por Internet. Tamén houbo un curso dirixido a nenos de 8 a 12 anos no que, cunha duración de 5 días, os cativos puideron aprender a manexar un procesador de textos, o OpenOffice Writer. Ademais realizáronse obradoiros puntuais dedicados ao manexo de Microsoft Excel ou Windows e Word. Ademais, desenvolvéronse unhas xornadas de iniciación a internet, dirixidas a un grupo de dez persoas pertencentes ao JUPEMI (Asociación de xubilados e pensionistas do Milladoiro). Numerosos cursos deixan á Aula de Informática do Milladoiro un máis que merecido descanso neste mes de setembro.
Fuente: Concellodeames.org