Este sábado pasado, o parque acuático de Cerceda acolleu a 130 amienses. Á excursión, organizada pola Concellaría de Cultura e Deportes, acudiron persoas de todas as idades. Pais e nais, fillos e fillas, avós e avoas, e incluso grupos de amigos, no Aquapark de Cerceda non houbo límite de idade para combinar calor, diversión e auga. Con trinta persoas máis que o ano pasado, esta cita coa auga consolídase como un dos clásicos do verán en Ames. Noventa e seis dos que se animaron a esta saída tiñan máis de doce anos, e tampouco se quedaron atrás os nenos e nenas de entre 5 e 12 anos que chegaron ao número de vinte e oito, os máis pequenos da excursión foron tres cativos de menos de catro anos. Ademais, como en edicións pasadas, a seguridade foi un dos principais puntos a coidar nesta excursión e tres monitores encargáronse de garantir que todo se desenvolvese correctamente.
Co sol como acompañante, ás 11:30 h. da mañá, dende o Pavillón Polideportivo do Milladoiro e da Praza do Concello de Bertamiráns, saíron dous autobuses de 50 prazas e un de 30 con destino a Cerceda. Ao parque acuático chegaron arredor das 12:30 horas do mediodía. No Aquapark os e as asistentes gozaron de 7 horas de atraccións acuáticas como o jacuzzi, tobogáns, aquatubo pechado, kamikace, multipistas, paneis térmicos ou as piscinas con olas artificiais. Axeitándose a todos os públicos, o Aquapark ofrece a posibilidade de descargar adrenalina no Roller Coaster ou de relaxarse no géiser, un tipo de fonte terminal que expulsa auga quente e vapor no aire. Á tardiña, as 19:30 horas, abandonaron o parque para chegar a Ames arredor das 20:30 horas.
Auga e calor son unha excelente combinación e máis se hai atraccións acuáticas por medio. Esta actividade, ao non ter límite de idade, permítelle aos veciños e veciñas de Ames pasar un día en familia e entre amigos. En definitiva, unha xornada chea de diversión. Deste xeito, é unha das excursións máis solicitadas e nas que, tanto grandes como pequenos, repiten experiencia ano tras ano.

Fuente: Concellodeames.org